Mares da Fin do Mundo é un proxecto local, asentado no rural, pero con proxección internacional. Unha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar.
MDFDM iniciase no ano 2018, e desde entón segue a traballar por ser un espazo de referencia e punto de encontro, tanto para o sector audiovisual de xénero documental como o pesqueiro e a cidadanía en xeral.
En 2021, a IV edición presenta unha estrutura renovada, inaugurando Competición Oficial e dúas seccións: Proa, na que cada ano programará filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos. O programa cinematográfico complétase con proxeccións especiais, como os filmes de inauguración e clausura, tanto internacionais como galegos.
A esta programación acompañan diferentes actividades paralelas de interese cultural e turístico, das que destaca a formación de novos públicos. De forma estable, o Obradoiro de Cinema achega á mocidade coñecementos dos oficios do cinema incentivando a creatividade e a posta en práctica da linguaxe cinematográfica a través de temáticas do patrimonio cultural relacionado cos saberes e oficios tradicionais vencellados co mar.