ACTIVIDADES PARALELAS
GRAVACIÓN PROGRAMA DE RADIO “MAR DE ARDORA” (Radio Galega)
Gravación e retransmisión dixital dun especial do programa “Mar de Ardora” da Radio Galega, centrado no mundo do mar. Presentado e dirixido por Xusto López Carril, terá como convidados a Manuel González (alcalde de Outes), Marcos Gallego (director da Mostra MDFDM), Xisela Franco (cineasta e curadora en festivais), Marisol Amado (presidenta da Asociación de Mariscadoras a Pé da Confraría San Bartolomé de Noia) e Ramón Collazo (presidente de Agalcari).
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA AIPAA 2022
Exposición fotográfica en conmemoración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais 2022, promovido polas Nacións Unidas e representado en España polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, que ofrece un retrato da pesca artesanal no mundo.
Imaxes pertencentes ao fondo fotográfico da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).
*Casa de Cultura (Serra de Outes)
MESA PROXECTA
Mesa redonda organizada en colaboración con Proxecta. Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, na que diversos profesionais do sector debaterán sobre a realidade de programar festivais de cinema no rural galego. Moderada por Elena Mareque (Proxecta), contará coa participación de Ángel Sánchez (codirector de Play-Doc), Xisela Franco (cineasta e curadora en festivais), Manuel Pena (director de FICBUEU) e Jesús Silva (programador en MDFDM e crítico de cinema).
ACHEGAMENTO AO MARISQUEO A PÉ
Achegamento ao marisqueo a pé. Representantes da Agrupación de Mariscadores a Pé da Confraría San Bartolomé de Noia farán unha demostración do proceso extractivo do marisco na praia de Siavo. A continuación, na Lonxa de O Freixo, os participantes poderán ver como se clasifica e pesa o produto.
MESA PESCA SOSTIBLE
Mesa redonda na que participarán varios expertos e profesionais do sector pesqueiro e científico, na que conversarán sobre a percepción que ten a sociedade do mundo da pesca, así como a súa repercusión no eido político e medioambiental. Moderada por Javier G. Galdo, reunirá a Basilio Otero (presidente da FNCP), Carmen Alonso (patroa e pescadora no “Carmín”, Asturias), Emilio Louro (Comercialización e Distribución de Pesca Artesanal Online) e Eva Velasco (científica e investigadora en IEO/DiversiMar).
DEMOSTRACIÓN GASTRONÓMICA
Degustación gastronómica a cargo da Asociación de Hostalaría Ría da Estrela. Constituída por un grupo de hostaleiros da Ría de Muros e Noia, está formada na actualidade por preto de 30 socios, representantes do tecido empresarial turístico da zona. Os pratos serán elaborados con produtos típicos e de proximidade.
ANDAINA DE DIVULGACIÓN
Andaina de divulgación e coñecemento sobre a importancia histórica da carpintaría de ribeira no Concello de Outes, que culminará cunha visita guiada ao Estaleiro Ciprián — Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira de Outes.
Explicacións a cargo de Antonio Rodríguez (Tremuzo) e Ignacio Fernández (Técnico de Turismo do Concello de Outes).
SAÍDA NO VELEIRO JOAQUÍN VIETA
O veleiro histórico Joaquín Vieta — Balandro, construído no 1916 no estaleiro de Ríos (O Freixo), inicia a súa actividade como embarcación de transporte de mercadorías en 1917. Dende os anos 60 ata comezos do século XXI, actúa como barco auxiliar de batea. Será a comezos deste século cando a Asociación Balandro Joaquín Vieta o salve do despece e aposte pola súa reconstrución.
Durante a Mostra, o veleiro sairá do porto do Freixo xunto a varias embarcacións tradicionais da Asociación Terra de Outes, bordeando a liña de costa da Ría de Muros e Noia.
OBRADOIRO DE CINEMA CON MÓBILES
O Obradoiro de Cinema con Móbiles, que a Mostra MDFDM vén desenvolvendo dende a súa primeira edición, está reforzado este ano coa participación do alumnado en dúas actividades formativas e didácticas que contaron coa colaboración do Concello de Outes, o GALP Costa Sostible, o IES Poeta Añón, o Proxecto ECONOIA 3 do Plan Mar Limpo da Consellería do Mar, a Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría de San Bartolomé de Noia e a Asociación Cultural Terra de Outes.
Nestas actividades de formación de novos públicos o alumnado tomou contacto coa cinematografía e co tratamento narrativo do seu entorno patrimonial, social e medioambiental. Durante a cerimonia de clausura da V Mostra MDFDM, proxectarase o traballo desenvolvido e farase entrega dos diplomas ao alumnado.
Dirixiron as actividades Marcos Gallego e Domingo D. Docampo.
