ACTIVIDADES PARALELAS

GRAVACIÓN PROGRAMA DE RADIO “MAR DE ARDORA”

VENRES, 29 OUT | 11:30

Gravación e retransmisión dixital en directo do programa da Radio Galega “Mar de Ardora”, centrado no mundo do mar, con bloques de noticias, reportaxes, entrevistas e relatos de historias humanas.
O espazo, dirixido por Xusto López Carril, dedicará un programa especial á Mostra Mares da Fin do Mundo

EXPOSICIÓNS FOTOGRÁFICAS

DO VENRES, 29 OUT AO DOMINGO, 28 NOV
Xacobe Meléndrez Fassbender
O autor utiliza a fotografía como medio artístico, pero tamén a instalación e a videoarte. Nas verbas da historiadora da arte Chus Martínez Domínguez, nel “a fotografía e o vídeo actúan como soportes creativos en que realizar as súas series, onde se evidencia o esforzo na recreación de atmosferas, na claridade plástica e na atención destacada da articulación do relato.”
berrosnoroncardasondasPQ

BERROS NO RONCAR DAS ONDAS

A ollada do fotógrafo, inspirada polos versos de Bernadino Graña, adopta o punto de vista dese organismo vivo que é o mar, amosando esta colección de tomas cunha parte somerxida e outra aérea, demorando na visión da paisaxe na liña de costa, espazo moi humanizado, para gloria e vergoña dos seus actores e sufridores a un tempo.
CASA DA CULTURA (A Serra de Outes)
104249curar feridasPEQ

CURAR FERIDAS

Fotografías tomadas no litoral coas que se presentan metáforas do tempo que estamos a vivir. Imaxes que nos levan á reflexión. Metáforas e pequenos aforismos sobre a contaminación, a soidade, o racismo e o distanciamento, pero tamén sobre as solucións, a resposta social e as alternativas.
CENTRO NÁUTICO DO FREIXO

MESA REDONDA: “O futuro da pesca artesanal”

SÁBADO, 30 OUT | 11:30 (retransmisión en directo por FB)
Debate de actualidade ao redor dos retos aos que se enfronta a pesca artesanal na actualidade, da man de distintos profesionais do sector.

Mesa moderada por Javier G. Galdo, Biólogo mariño e divulgador científico a prol da xestión sostible dos recursos mariños, na actualidade desde a dirección técnica da consultora especializada Sinerxia.

Intervirán:

Mercedes Díaz Mayán
Secretaria da Confraría de Pescadores do Pindo (Carnota), que participa en varios proxectos de desenvolvemento comunitario na difusión patrimonial do territorio e de coidado medioambiental.  
Xusto López Carril
Xornalista muxián especializado no sector primario. Desde 2017 dirixe o programa da Radio Galega “Mar de Ardora”, centrado no mundo do mar.
Primitivo Pedrosa
Pescador, mariñeiro e patrón dunha embarcación de artes menores na Confraría de Muros. Activista pola sostibilidade dos mares e defensor da reserva mariña de interese pesqueiro de “Os Miñarzos” (Lira).
Rogelio Santos Queiruga
Mariñeiro de Porto do Son e divulgador nas redes sociais, co obxectivo de concienciar sobre o coidado do mar e as prácticas responsables.
Liliana Solís Pais
Licenciada en Ciencias Biolóxicas na especialidade de Zooloxía. Ampla traxectoria profesional no campo da consultaría medioambiental no medio biótico. Desde 2003, traballa como asistencia técnica na Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia.

SAÍDA NO JOAQUÍN VIETA E ACTIVIDADES CULTURMAR

DOMINGO, 31 OUT e LUNS, 1 NOV | 10:30

O veleiro histórico Joaquín Vieta sairá do porto do Freixo (máximo 12 pasaxeiros) xunto a varias embarcacións tradicionais, bordeando a liña de costa da Ría de Noia até a entrada do porto de Portosín. Unha actividade para gozar a bordo, pero tamén desde terra, que se completará con visitas guiadas ás embarcacións.
Ademais, durante as catro xornadas de MDFDM 2021, poderá visitarse a exposición “Que embarcación é?” no primeiro andar do Centro Naútico do Freixo, que fai un percorrido didáctico polas distintas tipoloxías tradicionais de Galicia.


*Actividades desenvolvidas en colaboración coa Asociación Balandro Joaquín Vieta e Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial).

DEMOSTRACIÓN GASTRONÓMICA

DOMINGO, 31 OUT | 12:30

Actividade gastronómica organizada pola Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, con produtos típicos e maridaxes ao redor da marca colectiva BERBERECHO DE NOIA. RÍAS GALEGAS. PESCA ARTESANAL, garantía de calidade e orixe capturado con artes de pesca artesanais e sustentables.
Demostración a cargo de Miguel Mosteiro de GastroLab Arousa.

ACTUACIÓN MUSICAL: THE SAR SWING QUINTET

LUNS, 1 NOV | 12:30
Formación que nace en Santiago de Compostela polo seu amor compartido á música swing, pero tamén ao lindy hop. A banda conta con Javier Panea e Iván Arceo ás guitarras, María Arceo á voz, Antón “Torroncho” ao baixo e Prisco Marcos ao caixón e pequena percusión. O principal obxectivo da banda é facer que o público goce desta música a través do baile ou dunha escoita relaxada.

OBRADOIRO DE CINEMA NA RÍA DE MUROS E NOIA

Este taller de cinema está dirixido principalmente a mozas e mozos a partir dos 14 anos, pero no que tamén poden participar as persoas adultas do Concello de Outes e do territorio da Ría de Muros e Noia. Os obxectivos do obradoiro son:

  • Adquirir habilidades e coñecementos audiovisuais e cinematográficas usando como ferramentas os seus propios dispositivos móbiles.
  • A sensibilización sobre a sostibilidade e coidado do medio mariño.
  • A produción dunha obra sobre o marisqueo na Ría de Muros e Noia.

Esta actividade educativa rematará coa proxección da obra realizada durante o obradoiro e coa entrega de diplomas aos participantes, na xornada de Clausura da IV edición da Mostra MDFDM2021. 

Dirixe o taller o director e produtor Domingo D. Docampo.

Actividade financiada polo GALP Costa Sostible. Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia.

Información e inscrición

Duración: 24 horas.

Datas e localización: as actividades desenvolveranse na Casa da Cultura de Outes, excepto cando sexa preciso gravar en localizacións exteriores.

  • Día 15 de 17:00 h a 20:00 h (presentación do obradoiro)
  • Día 22 de 17:00 h a 20:00 h
  • Día 23 de 10:30 h a 13:30 h e de 17:00 h a 20:00 h
  • Día 29 de 17:00 h a 20:00 h
  • Día 30 de 10:30 h a 13:30 h e de 17:00 h a 20:00 h
  • Día 01 de nov. a partir das 19:00 h proxeción da curta e entrega de diplomas

Inscrición: A admisión realizarase por orde de chegada da solicitude reenchendo o formulario de solicitude. No momento que estean cubertas as prazas as solicitudes pasarán a listado de reserva.

Acceso ao formulario de inscrición AQUÍ.