ACTIVIDADES PARALELAS
NAVEGACIÓN TRADICIONAL E INCLUSIVA (ANULADAS POLAS MALAS CONDICIÓNS DO MAR)
Asociación Balandro Joaquín Vieta, Asociación Terra de Outes, Asociación ADECO-DEA
VENRES, 3 NOV | 12:00
DOMINGO, 5 NOV | 10:00

A carpintaría de ribeira foi historicamente unha actividade clave en Outes, e seguen existindo no territorio múltiples exemplos vivos da mesma. Embarcacións que noutrora foron
empregadas para o transporte de mercadorías ou a pesca de baixura continúan a súa viaxe grazas a asociacións locais que velan pola súa preservación.
Ademais de percorrer o litoral da Ría de Muros e Noia a bordo de embarcacións en madeira, achegarase a navegación a persoas con diversidade funcional.
Prazas Joaquín Vieta: 12
Prazas Terra de Outes: 12
Prazas navegación inclusiva: 8
*A saída no Joaquín Vieta ten un prezo de 15 € por persoa.
INAUGURACIÓN EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
“2222: o ano da serpe”

O fotógrafo Antonio Nodar (Baíñas, 1954) trasládanos ao futuro que nos agarda co cambio climático. 2222: o ano da serpe é un reflexo do futuro baseado en imaxes do presente. Fotografías actuais da Costa da Morte que nos contan un relato futurista do que ocorre e ocorrerá co cambio climático a través da nosa percepción da luz. Cambios na nosa contorna que apenas somos capaces de percibir, pero que mudarán irremediablemente a visión da paisaxe que nos rodea.
Formada por 15 fotografías, estará dispoñible do 1 ao 30 de novembro na Casa da Cultura de Outes.

GRAVACIÓN PROGRAMA DE RADIO
“Mar de Ardora” (Radio Galega)

Gravación en directo dun especial do programa da Radio Galega “Mar de Ardora”, conducido polo xornalista Xusto López Carril, que combina novas de actualidade sobre o mundo mariño con entrevistas e vivencias persoais.
Convidados: Marcos Gallego (director da Mostra), Francisco Xosé Fernández Naval “Chisco” (escritor e guionista), Mercedes Silva “Totakeki” (mariscadora e divulgadora) e Alba Quintela (concelleira de Outes).
MESA PROXECTA
"A sostibilidade nos festivais de cinema no rural"

O incremento das temperaturas, a suba dos niveis de gases de efecto invernadoiro ou o aumento do nivel das augas son exemplos do cambio climático e do quecemento global que tanto preocupa na sociedade actual. Os festivais de cinema tamén son partícipes desta preocupación e, cada vez con máis frecuencia, poñen en funcionamento medidas para avaliar estes impactos e reducilos.
Con esta temática celebrarase un interesante faladoiro moderado por Marcos Gallego (director da Mostra), ao que acompañarán: Adela Lestón (mariscadora e presidenta da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros Noia), Antonio Rodríguez (comunicación MDFDM), María Baqueiro (coordinadora do Pacto Cultura Sustentable de Galicia) e Arancha Estévez (xornalista especialista en sustentabilidade).

COLOQUIO
“Crónicas do mar”

Os libros, o cinema e o mar uniranse cun eixo central: a relación dos humanos cos mamíferos mariños no litoral galego.
As “Crónicas do mar” farán un percorrido polos aspectos máis salientables da relación dos pobos costeiros cos grandes cetáceos. Abordaranse temas como a última baleeira en funcionamento de Galicia, a factoría Caneliñas (Cee), ou os recentes episodios de comportamentos estraños de candorcas próximas ás costas galegas.
Acompañando a Marcos Gallego (director da Mostra), estarán: Francisco Xosé Fernández Naval “Chisco” (escritor e guionista), Xosé Iglesias (mariñeiro, artista e poeta), Níels Eirnarsson (antropólogo) e Paula Castiñeira Iglesias (xornalista e cineasta).
A actividade terá lugar no Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira “Estaleiro de Ciprián” (se a climatoloxía é desfavorable, trasladarase ao Centro Náutico do Freixo).
DEMOSTRACIÓN GASTRONÓMICA

A Asociación de Hostalaría Ría da Estrela e a marca Azul de Portosín ofrecerán unha emocionante experiencia para os sentidos onde os produtos de proximidade serán os protagonistas.
Unha representación dos restauradores membros da Asociación de Hostalaría Ría da Estrela, a Ría de Muros e Noia, será a encargada de elaborar varios pratos en directo. A base principal da degustación será o peixe azul procedente da frota de cerco co selo Azul de Portosín, que acredita a calidade e frescura do produto.
