COMPETICIÓN OFICIAL
COMPETICIÓN I

TWILIGHT DREAM
Amanda Cots e Angel Suárez
País: España (Valencia)
Ano: 2022
Duración: 15 min.
V.O.: español (sen diálogos)
Cada madrugada, Ángel e Adel adéntranse no mar a bordo do “Dos Ángeles”. Rastrexan os fondos costeiros coa esperanza dunha boa pesca. As redes soben e baixan: lánzanse, recóllense, límpanse e repáranse con paciencia. Porén, os días en que o mar era xeneroso e os recursos abundantes quedan xa lonxe. Agora resulta difícil regresar a porto con carga na adega. E quedan cada vez menos compañeiros.

REQUIEM FOR A WHALE
Ido Weisman
País: Israel
Ano: 2022
Duración: 15 min.
V.O.: hebreo (subtítulos en galego)
Unha noite de tormenta a comezos de 2021, o corpo dunha balea apareceu na praia israelí de Nitzanim. Durante a documentación do encontro entre a xente e o cadáver, escoitamos as voces de varias testemuñas que estiveron presentes no insólito suceso. Das súas respostas emerxe unha experiencia colectiva sobre o diálogo entre a vida e a morte.

CONFINE LIQUIDO
Andrea Scimone
País: Italia
Ano: 2022
Duración: 31 min.
V.O.: italiano (subtítulos en galego)
Na beira siciliana do estreito de Mesina, o mar apodérase da vida dos homes. Michele, Antonio e Pippo esperan a corrente mariña adecuada, a estación adecuada. Unha espera milenaria que os encadea ao corpo líquido no que navegan as súas vidas.
COMPETICIÓN II
SQUID FLEET
Ed Ou e Will N. Miller
País: Estados Unidos
Ano: 2023
Duración: 12 min.
V.O.: chinés (subtítulos en galego)
A pesca da lura en alta mar é unha das prácticas máis denunciadas polos grupos ecoloxistas de todo o mundo, e a explotación dos seus traballadores é denunciada reiteradamente polas organizacións de dereitos humanos. Esta película de gran forza visual tráenos imaxes cegadoras dun mundo único e terrible: o do barco pesqueiro, a miles de quilómetros da casa.

L'EFFORT DES HOMMES
Jean-Gabriel Périot
País: Francia
Ano: 2022
Duración: 12 min.
V.O.: francés (subtítulos en galego)
A caza de baleas existe desde hai séculos. Parece o froito da violencia do home, que se destrúe a si mesmo destruíndo a natureza. Acompañando ao auxe do capitalismo, a práctica sobrevive hoxe en día, reflectindo a eterna destrutividade dos humanos sobre a natureza e as criaturas incapaces de resistirse a eles.

PIBLOKTO
Anastasia Shubina e Timofey Glinin
País: Rusia / Estados Unidos
Ano: 2023
Duración: 37 min.
V.O.: ruso (subtítulos en galego)
Na costa do océano Ártico vive un pobo illado do mundo: os chukchi. A súa vida xira arredor da caza de morsas e baleas e da protección dos poboados fronte aos osos que chegan da tundra. Os animais mariños convértense na principal fonte de alimento, e as sobras utilízanse para alimentar aos raposos nunha granxa de peles, mentres os cemiterios humanos son obxectivo dos osos. Semella que todos os habitantes desta rexión están implicados no ciclo da comida e a morte.

COMPETICIÓN III

BLOOM
Helena Girón e Samuel Delgado
País: España (Canarias / Galicia)
Ano: 2023
Duración: 18 min.
V.O.: español (subtítulos en inglés)
San Borondón é unha illa mítica que aparece e desaparece. Ao longo da historia situouse nos mapas preto das Illas Canarias. Tras séculos de esquecemento, ao fin foi achada. A 4.500 metros baixo o océano Atlántico, o Tropic foi unha antiga illa emerxida fai 120 millóns de anos, cuxas imaxes e mostras chegan a nós grazas a un ROV somerxible. Os seus brazos robóticos son os que tocan e manipulan a súa codia, sempre baixo o vello desexo occidental de explorar territorios descoñecidos e cobizados.

MISSION MICROBIOME
Giulia Grossmann
País: Francia
Ano: 2023
Duración: 19 min.
V.O.: inglés, francés (subtítulos en galego)
Embarcámonos nunha viaxe científica en compañía dun equipo internacional de investigadores dedicados ao estudo do plancto. Fronte ás costas de Senegal, a investigación entrelázase coa realidade das embarcacións de pescadores que intercambian provisións co buque científico, creando un contexto no que conviven a ciencia e a vida cotiá, entre a inmensidade das vistas marítimas e o fascinante mundo microscópico.

MMRRSSMM...XEOSÓNICA #1 ATLÁNTICO
Andrés Mahía
País: España (Galicia)
Ano: 2022
Duración: 22 min.
V.O.: galego (sen diálogos)
O mar non é só o hábitat de peixes, cetáceos, algas e outros seres vivos. É o modo de vida de moitos pobos e cidades, unha vía de comercio, un lugar de lecer, fonte de riqueza e tamén de traxedias. O Atlántico defínenos como galegos, pero tamén ten a súa identidade propia, e os seus sons. MMRRSSMM… é unha exploración dos ruídos do mar, dos que percibimos, dos que non e dos que non sabemos que percibimos. Unha aproximación ao son cunha mirada artística e un enfoque experimental.
COMPETICIÓN IV
SHIRAMPARI: HERENCIAS DEL RÍO
Lucía Flórez
País: España / Perú / Estados Unidos
Ano: 2022
Duración: 16 min.
V.O.: ashéninka (subtítulos en galego)
Nun dos lugares máis remotos da Amazonía peruana, un neno ashéninka debe superar os seus medos e atrapar un bagre xigante usando só un gancho para emprender a súa viaxe á idade adulta.

DAUGHTER OF THE SEA
Nicole Gormley e Nancy Kwon
País: Estados Unidos / Corea do Sur
Ano: 2023
Duración: 18 min.
V.O.: coreano (subtítulos en galego)
Jaeyoun Kim decide volver á illa de Jeju e unirse ás haenyeo, as famosas “mulleres do mar”. Durante séculos, estas mergulladoras e pescadoras —algunhas delas octoxenarias— somerxéronse a máis de 10 metros para recoller alimentos para as súas familias e aldeas. Seguindo os pasos da súa nai e a súa avoa, Jaeyoun aprende o que significa converterse nunha haenyeo.

HAULOUT
Evgenia Arbugaeva e Maxim Arbugaev
País: Reino Unido / Rusia
Ano: 2022
Duración: 25 min.
V.O.: ruso (subtítulos en galego)
Nunha remota costa do Ártico siberiano, nunha cabana azoutada polo vento, un home solitario espera ser testemuña dunha antiga reunión. Con todo, o quecemento dos mares e o aumento das temperaturas provocan un cambio inesperado, e pronto se ve desbordado.

COMPETICIÓN V

RIACHEROS
José Antonio Ortiz Sabido
País: España (Andalucía)
Ano: 2022
Duración: 10 min.
V.O.: español (subtítulos en galego)
No ano 2004, no estuario do río Guadalquivir, a Administración Pública traza unha liña sobre un mapa que divide as súas augas. Cara ao oeste, “augas marítimas”, cara ao leste, “augas continentais”… Non existindo en Andalucía a figura legal do “pescador profesional de augas continentais”, desde ese momento, centos de pescadores e mariscadores atópanse nun limbo legal, aínda que os produtos que capturan consómense con alto valor local.

ARALKUM
Daniel Asadi Faezi & Mila Zhluktenko
País: Alemaña / Uzbekistán
Ano: 2022
Duración: 13 min.
V.O.: karakalpak (subtítulos en galego)
Unha paisaxe desértica, como doutro planeta. Algúns restos de naufraxios solitarios e oxidados. Arredor crecen matogueiras que manteñen a area unida durante as desapiadadas tormentas. Aralkum, o deserto de Aral, é o leito mariño espido, o último que queda do mar de Aral. Entretecendo diferentes texturas cinematográficas, o filme reimaxina o desecado Mar de Aral, permitindo a un vello pescador navegar por última vez.

HAPPY LIFE
Galina Leontieva
País: Alemaña / Rusia
Ano: 2023
Duración: 39 min.
V.O.: ruso (subtítulos en galego)
Felix e Antonina son un matrimonio de pescadores de Carelia. A principios da década dos 2000, Felix sofre un accidente que lle impide camiñar. Antonina atopa a forza para apoiar ao seu marido e facerse cargo da casa. A película trata da devoción, o amor e unha vida difícil nun pobo illado.
XURADO OFICIAL

SEVERIANO CASALDERREY
Músico, docente e programador. É Licenciado en Historia da Arte e Profesor Superior de Piano. Membro da Academia Galega do Audiovisual dende 2012, é autor de varias obras literarias sobre cinematografía, colabora en revistas especializadas en cine e destaca polo seu amplo currículo na programación de cinema en distintos festivais entre os que destacan FICBUEU, GFFF, Intersección, Cinema Miúdo ou Imaxinaria.

ANA ESTÉVEZ
Museóloga e historiadora. É Licenciada en Xeografía e Historia, desenvolve a súa actividade profesional no Museo do Pobo Galego, onde é responsable da área de Educación e Acción Cultural. Dirixe, dende 2015, o festival de cinema que promove esta entidade, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). É vicepresidenta de Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema.

ÁLVARO GAGO
Director de cinema e montador. Licenciado en Comunicación Audiovisual, estudou e traballou no mundo do teatro e do cinema en Estados Unidos, Reino Unido e España. Foi nomeado aos Goya con varias das súas obras e foi gañador, coa curtametraxe Matria, do Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance e do Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe de Ficción no Festival de Cans.