MISIÓN, VISIÓN E VALORES

Mares da Fin do Mundo é un proxecto local, asentado no rural, pero con proxección internacional. Unha mostra internacional de cinema documental comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar dun dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar.

MDFDM iníciase no ano 2018, e dende entón segue a traballar por ser un espazo de referencia e punto de encontro, tanto para o sector audiovisual de xénero documental como para o mundo pesqueiro e a cidadanía en xeral.

En 2021, a IV edición presenta unha estrutura renovada, inaugurando unha Competición Oficial e dúas seccións: Proa, na que cada ano se programan filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, e Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos. O programa cinematográfico complétase con Proxeccións Especiais como os filmes de inauguración.

Esta programación está acompañada por diferentes Actividades Paralelas de interese cultural e turístico, entre as que destaca a formación de novos públicos. De forma estable, o Obradoiro de Cinema achega á mocidade local coñecementos sobre os oficios do audiovisual, incentivando a creatividade e a posta en práctica da linguaxe cinematográfica a través de temáticas do patrimonio cultural relacionado cos saberes e oficios tradicionais ligados ao mar.

Neste ano 2024 terá lugar a VII edición, que se celebrará por primeira vez no Concello de Ribeira. Despois de seis edicións, a Mostra mantén como principio fundamental o seu compromiso coa sostibilidade como eixo central, traballando a prol da dinamización económica e da posta en valor do patrimonio e da identidade social vinculados ao mar no territorio costeiro onde se celebra.

EQUIPO TÉCNICO

Dirección e produción: Marcos Gallego
Programación: Jesús Silva, Marcos Gallego
Comunicación: Antonio Rodríguez
RRSS/Community: Yolanda Muelas
Vídeos e proxeccións: Raquel Enríquez de Castro
Deseño gráfico: José María Picón
Cobertura audiovisual: Vanessa Martínez
Mantemento web: Noelia Núñez e Rubén da Silva
Sonorización Sala: Luis Aceituno