Galego – Sostibilidade

SOSTIBILIDADE

No ano 2015, a Asamblea Xeral da ONU presentou a Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible. Un plan de acción a favor das persoas, o planeta e a prosperidade con 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que abarcan os ámbitos económico, social e ambiental cunha visión holística e integradora para conseguir transformar o planeta.

As entidades, empresas e axentes culturais estamos chamados a ter un papel protagonista na transformación, xa que a acción cultural está estreitamente relacionada co desenvolvemento das persoas e dos territorios.

Tendo en conta estas connotacións e sendo conscientes da importancia da cultura dentro da Axenda 2030, a Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo é asinante do “Pacto pola Cultura Sustentable”, que constitúe o compromiso do sector cultural de Galicia coa Axenda 2030. A través do “Pacto pola Cultura Sustentable” subscribimos unha política de sostibilidade común, reforzando a necesidade de pensar en global e actuar dende o local e a importancia das alianzas para acadar os obxectivos.

A Mostra MDFDM está estreitamente vinculada co territorio onde se desenvolve, por iso as nosas accións están aliñadas coa sostibilidade ambiental, social e económica. Froito disto son as alianzas que se fan anualmente con entidades locais que traballan a prol da inclusión social como poden ser a Asociación A Misela, a Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros “ADISBISMUR” e a Asociación Pro Saúde Mental A Creba. Nas dúas últimas edicións, o agasallo da Mostra foi un chaveiro fabricado con plásticos extraídos de limpezas das nosas costas, elaborado pola Aula Sostible do Freixo, unha iniciativa de traballo colaborativo de economía circular promovido pola Agrupación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra — Ría de Muros Noia e o Concello de Outes, no que están integradas as entidades de inclusión social nomeadas. Un proxecto que xa foi premiado pola Consellería do Mar no 2022 cun dos premios Economía Azul, así coma polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nos Premios de Excelencia á innovación para as mulleres rurais no ano 2023.